Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Ribeira rescinde os contratos do apeadeiro de autobuses e a biblioteca municipal e estudará a imposición de sancións económicas


O Concello de Ribeira resolve os contratos da biblioteca municipal e da estación de autobuses debido á parálise das obras por parte das construtoras e aproba sancións económicas a ambas empresas.

O expediente da Biblioteca Municipal foi adxudicado en maio de 2023 á empresa Ogmios, cun orzamento de 1,3 millóns de euros. “A pesar dos diversos requirimentos que se lle fixeron á empresa por parte do Concello durante o segundo semestres do ano 2023, a construtora non iniciou a obra”. Segundo afirma o alcalde Luís Pérez, a apertura do expediente de penalización data do pasado mes de decembro pero a pesar disto “non houbo reaccións por parte da empresa que nin presentou alegacións no trámite de audiencia, polo que resolvemos o contrato e procederemos a licitar esa infraestrutura novamente”. Segundo explica, para o Concello é unha prioridade dispoñer dunha Biblioteca Municipal e unha infraestrutura cultural de primeiro nivel.

De igual xeito, o Concello resolveu o contrato de construción do galpón da estación de autobuses de Ribeira, unha obra valorada en 65.000 euros que comezou no ano 2021, e que non avanzou ata o día de hoxe. “Depois de varios requirimentos á empresa, procedemos á rescisión do contrato e á imposición de penalizacións”.

Dende o Concello aplicarase unha sanción conxunta a ambas empresas que ascende a 55.000€ e unha prohibición de contratar calquera tipo de obra pública nos vindeiros tres anos “evitando que os ribeirenses teñamos que sufrir demoras na contratación de infraestruturas básicas, como o é o caso do transporte público”. O rexedor destacou así mesmo que as persoas usuarias do transporte público deben sufrir as inclemencias da meteoroloxía, non dispoñen de baños ou de atención presencial cuestión que queren solventar de maneira inmediata.
“Para este goberno municipal é moi importante garantir que a poboación teña unhas prestacións de calidade, por iso dende a vindeira semana a brigada de obras municipal comezará a traballar no galpón da estación de autobuses para que a infraestrutura poida estar aberta cando antes” afirmou Pérez Barral, quen lembrou que as actuacións conxuntas do galpón e a pérgola ascenderon a 350.000 euros. Dende o Concello estanse a estudar vías legais para solicitar unha indemnización por danos e perxuizos debido á demora inxustificada na realización destas dúas actuacións. “Con este procedemento de resolución de contrato e aplicación de sancións velamos polo bo uso dos fondos públicos ao tempo que garantimos o cumprimento dos contratos sen sobrecustos nin demoras” apuntan dende o Concello.

Deja un comentario